O que conta son os sentimentos. Así o viron onte en Fornelos (Baio-Zas), onde celebraron un acto para demostrar que saben ser unha aldea feliz. A ocasión é o de menos, pero tamén souberon buscar unha boa: a inauguración dunha escultura na Fonte, unha paraxe a onde décadas atrás as mulleres ían a auga, lavaban a roupa ou levaban o millo a moer.
Xa o dicía Carmen Romar Rojo, unha das vellas do pobo que foi elixida para ler o discurso diante dos presentes: «Estou hoxe aquí para falar dos meus sentimentos». O acto consistiu nunha homenaxe ás mulleres do lugar: «Avoas, nais, fillas ou netas, as que están aquí presentes, as que non puideron vir, ás que xa se foron e as que virán no futuro». Son palabras de Lucía Senande na presentación. Pola súa banda, Carmen Romar apuntou na súa intervención que A Fonte é algo que permitiu «que hoxe poidamos estar así, xuntos, felices, sentíndonos pobo». Emocionaban as súas palabras por momentos. Ela mesma e moitas coma ela carrexaban auga nas sellas dende o manancial no que durante meses e meses traballaron os veciños para adecentalo e convertelo nun espazo para gozar en xornadas inesquecibles coma a de onte.
A Fonte foi testemuña da vida de Fornelos durante séculos e séculos. «Por iso queremos que nela permaneza a súa presenza con esta figura que nos representa a todas as que deixamos uns anaquiños das nosas mans e do noso corazón nela», dicía Carmen Romar diante de vellas, adultas, mozas e rapazas, mentres que entre o público sacaban fotografías ou gravaban as imaxes da ocasión.
Foi unha data importante tamén para a banda de gaitas da localidade, que levaba un tempo ensaiando para o día. E todos os que participaron dunha maneira ou doutra e máis o todos os presentes acabaron a celebración con comida e bebida.
Toda esta emoción e alegría foi posible grazas á Asociación de Veciños de Fornelos.
Estrella Balsas (Fornelos, 58 anos) é a presidenta da asociación de veciños A Fonte, de Fornelos (Baio), dende que se formou fai dous anos. Hoxe ás sete da tarde inauguran un monumento en homenaxe á muller rural na área recreativa da Fonte.
-¿En que consistirá o acto?
-Imos descubrir unha escultura que representa a unha señora cunha sella na cabeza, figurando que vai buscar auga á fonte. A encargada de facelo será Carmen Romar, unha das veciñas máis maiores do pobo, e que lerá tamén unhas palabras. Logo teremos pinchos e festa.
-¿Que representa a fonte para os veciños?
-Montamos a asociación para mellorar Fornelos, e unha das nosas prioridades foi a fonte. Tódolos sábados nos xuntamos para adecentala, e cada vez está máis bonita. Seguimos vindo buscar auga, e tamén vén xente doutros concellos.
-¿Participa a xente nova?
-Estamos todos moi implicados. De feito, nas clases de gaita e pandeireta hai veciños desde os 8 ata os 70 anos. Todos estamos ilusionados, porque Fornelos estaba moi abandonado e, co traballo de todos, estamos conseguindo que volva ser un sitio bonito.
-¿Cre que é unha boa maneira de atraer xente ao rural?
-A xente queda no rural cando os veciños se unen para loitar polo pobo. E creo que moitos que son de fóra estarían encantados de vivir en Fornelos se puideran.