Ramón Romar López é un baiés do lugar de Fornelos que leva residindo en Madrid desde 1982 por problemas de saúde (por padecer asma desde a infancia, os médicos recomendáronlle un clima seco). Fai pouco tempo editou algo máis de cen exemplares dun libro no que narra a vida de dúas familas da súa aldea natal. Pero a obra é algo máis que iso. É un documento da vida de xeracións e xeracións que a pesares das penurias foron saíndo adiante con esforzo. O seu escrito pódese aplicar a calquer outro pobo.
Ramón sempre foi animado a que publicara eses escritos, pero dadas as dificultades que as editoriais poñen para editar algo así, Romar realizou pola súa conta unha edición reducida para repartir a obra, que titulou Ancestros y vivencias.
É interesantísima a desgraciada historia do derradeiro vinculeiro da casa do Bao, de Fornelos, José Miguel López de Parga (tataravó do autor), que polo seu vezo do xogo perdeu todas a súa extensa facenda e deixou á familia na pobreza. Contra o ano 1850 xogou e perdeu un ben traballado cabazo de pedra de seis pés, que foi a parar á parroquia de Carreira-Zas, unha vez que o vencedor da partida mandou trasladalo en carros pedra a pedra: é o cabazo que ilustra a portada do seu libro, aínda hoxe en pé no rueiro da casa de Moreno de Carreira.
Así perdeu tódalas leiras este antepasado, de tal xeito que o fillo, José María, recibe en 1892 o certificado de pobreza do xulgado de Corcubión.
Ademais da árbore xenealóxica das dúas pólas familiares (desde o século XVII) e doutras historias, Romar fai un verdadeiro estudio antropolóxico do lugar de Fornelos da súa infancia e mocidade. Tódalas vivencias se centran en Fornelos (49 casas habitadas e 200 habitantes) e a penas se estenden á parroquia de Baio.
As penurias da vida labrega
Son recomendables as páxinas dedicadas á vida na aldea de non hai tantos anos, para que se vexa como viviron os antepasados nosos. E canto máis vaimos cara atrás, peor será o panorama.
Nestas páxinas descríbese a deficiente alimentación na maior parte das casas (caldo e broa), o mundo dos pobres de pedir ?que andaban descalzos polas cañeiras de toxos mesmo no inverno?, falta de hixiene ?non había cuartos de
baño e a xente só se lavaba os sábados?, como se alimentaba ás mulleres paridas nas semanas de engroda para que se recuperasen (máis ben era unha ceba que as deixaba gordas de máis), múltiples carencias da escola durante o franquismo (e aínda hai quen magnifica aqueles tempos...), os traballos de verdadeiros escravos, de día e de noite para poder gañar unhas pesetas (había quen durmía de noite sobre o cabalo pois de día tiña que traballar de canteiro e labrego).
O autor describe diáfanamente os labores do campo (a sementeira e a colleita, o liño, o millo e as fabas, as patacas, etc), as crenzas e supersticións, desde a meiga de Baíñas á compoñedora de Lema; o aire, a santa compaña, os rescritos, o cepo de tronos; as ofrendas ós santos. E tamén as diversións na feira de Baio, durante o Entroido, nas cachelas de san Xoán, na romaría do Carme do Briño, e moitos máis. En suma, un libriño de 188 páxinas que entretén e lembra a moitos desmemoriados os traballos e os días.