A Coral polifónica "Xan Mella" fai a súa presentación oficial o 27 de xullo do 2003 cun plantel inicial de dezaoito persoas, chegando ás case corenta que a compoñen na actualidade que se veñen afanando en preparar un repertorio ecléctico: panxoliñas, habaneras, música pop, cantigas galegas, folclore internacional e polifonía litúrxica.
No ano 2005 gravou un CD nos estudos da Fundación Mans-Paideia; o disco saiu en marzo do 2006 e con motivo da súa estrea a Radio Galega, no seu programa ?Así canta Galicia?, dedicoulle un programa monográfico. Tamén ten gravado para a Televisión Pública Asturiana.
Fóra de Baio ten actuado na maioría de vilas e cidades da súa provincia natal, así como en Ribadeo (Lugo), A Estrada e O Rosal (Pontevedra), Lugo, Bembibre (León), Infiesto e Xixón (Asturias), Valdeorras (Ourense), etc. Ten participado no I, II e III Certames en Clave Coral seleccionada pola FECOGA e a Xunta de Galicia. En setembro do 2008 gañou o Primeiro premio no II Certamen nacional de masas corales de la avellana en Infiesto-Piloña (Asturias).
A profesora Tatiana Pankrátova, licenciada superior en dirección de coro pola Universidade Bielorrusa de Cultura, é a súa directora fundadora.